Aula Castelao de Filosofía
A Aula Castelao de Filosofía nace no ano 1983 co obxectivo de galeguizar o ensino da filosofía nas súas múltiples dimensións (lingua, contidos, recursos, debates, etc...). Preséntase desde unha concepción da educación que traspasa os balados das aulas e racha coa illamento do currículo a respecto da sociedade na que vivimos e tamén, xa que logo, traspasa as barreiras da propia materia para aplicar a perspectiva filosófica aos demais saberes.
O nome de persoa coa que denominamos á nosa entidade xa indica o pensamento de que nos inspira. Un ideario que no campo da filosofía que nos ocupa tivo a súa concreción ao longo de máis de tres décadas de actividade nos seguintes tres eixos de traballo:
O nome de persoa coa que denominamos á nosa entidade xa indica o pensamento de que nos inspira. Un ideario que no campo da filosofía que nos ocupa tivo a súa concreción ao longo de máis de tres décadas de actividade nos seguintes tres eixos de traballo:
Unha filosofía intercultural
Estamos comprometidos coa defensa do ensino da filosofía e do seu status académico mais non concordamos en que fóra dese ámbito institucional esta non teña cabida. É posíbel e necesario sacar a filosofía das aulas á rúa, facela accesíbel, partillala e sometela a discusión pública, mais tamén é preciso facer o camiño inverso, aprender filosofía nas corredoiras e nas prazas, e traducir esta a unha linguaxe con aspiracións universais. Pretendemos establecer un diálogo entre o pensamento do pobo e a investigación académica, tronzando as burbullas nas que se adoita recluír ambos os dous ámbitos. Concordamos con quen considera que as ideas deben baixar de cando en vez do seu mundo para pasar pola experiencia da vida do pobo antes de elevarse novamente na súa busca de universalidade.
Unha filosofía popular
Unha filosofía popular implica non só conectar con tradicións da historia do pensamento desbotadas como a que recibiu esta denominación senón sobre todo asumir a propia inserción nun pobo concreto, o galego, desde o cal reclamamos o seu recoñecemento como interlocutor colectivo no diálogo internacional a través do cal tentemos esclarecer e resolver os debates que enfrontan e dividen a humanidade. Partimos pois do recoñecendo do dereito a expresar o propio pensamento en igualdade de condicións a todas as colectividades e grupos sociais, denunciando a súa exclusión por unha concepción da filosofía androcéntrica, eurocéntrica e clasista. Unha razón entendida como conclusión compartida froito dun diálogo no que se permite a cada quen argumentar as súa posturas desde a súa propia situación é ao noso xuízo unha filosofía máis auténtica que a que se fundamenta en prescindir dos grupos humanos derrotados para validar as súas teses.
Unha filosofía da liberación
Somos conscientes de que o esquecemento de determinadas voces nos debates filosóficos non é inocente senón que é a existencia dunhas relacións de poder desiguais no mundo que impón este silenciamento. Diante dunha humanidade dividida entre opresores e oprimidos, asumimos a imposibilidade dun debate público sen repercusión nese contexto inxusto. Abertos a escoitar todas as opinións, optamos explicitamente por non esquecer aos dominados. Comprometémonos pois coa nación asoballada, coa clase explotada, co sexo subordinado e con todas as vítimas das inxustizas do mundo no que vivimos para contribuír modestamente á súa liberación. Mais a unha liberación auténtica non se contribúe con adoutrinamento senón fomentando a autoreflexión compartida e a toma de consciencia das consecuencias prácticas dos diferentes postulados teóricos. Desde o respecto ao pluralismo que sempre temos presente, tentamos corrixir as desvantaxes desde as que se parten, para substituír o monólogo imperante polo diálogo útil para a emancipación.